Historia da cartografía
A historia da cartografía ten as súas orixes no Neolítico. Anteriormente, no Paleolítico (entre hai 600.000 e 12.000 anos) xa eran conscientes de que algúns fenómenos se repetían no espazo e no tempo (días, estacións, formas da paisaxe...). Dada a necesidade de lembrar os camiños relacionados coa localización da auga e da caza, creáronse os primeiros bosquexos espaciais. Atopáronse en covas liñas de trazado enigmático, que poderían ser esas representacións.
A datación do primeiro mapa coñecido é unha cuestión polémica, xa que a definición de mapa non é unívoca, e porque para a creación de mapas foron usados diversos materiais. Existe unha pintura mural, que pode representar a antiga cidade de Çatalhöyük, en Anatolia (coñecida previamente coma Huyuk o Çatal Hüyük), datada no VII milenio a. C.[1][2]
A casa do almirante é unha pintura mural datada no ano 1600 a. C., pertencente á civilización minoica. Nela obsérvase unha comunidade costeira en perspectiva oblicua.
Durante as primeiras civilizacións aparecen a necesidade de orientarse e de concibir o espazo. No antigo Exipto vivían condicionados polas crecidas do río Nilo, e necesitaban coñecer os límites territoriais dado que ao baixar as marcas estaban borradas.
Consérvase un mapa gravado da cidade sagrada de Nippur (Babilonia) realizado no período Kassita (s. XIV - século XII a. C.).[3]
Os primeiros mapas representan a Terra coma un disco chan rodeado de auga. Estas representacións usaban como referencia o mar Mediterráneo, que era de onde partían as exploracións.
Antiga Grecia
[editar | editar a fonte]Na antiga Grecia e o Imperio romano creáronse mapas, como o de Anaximandro (século VI a. C.).[4]
Hai 2.500 anos só se explorara o 8 % da superficie. Na Antiga Grecia dividían o mundo en dous grandes sectores: cara ao leste, o mar Exeo e Asia; cara ao oeste, Europa. Xa baseaban o espazo no esquema dos puntos cardinais.
O astrónomo grego Piteas foi o primeiro, no século IV a. C., en usar o Sol para determinar a latitude (a distancia ao norte ou ao sur do ecuador) dos lugares que visitaba. No ano 310 a. C. percorreu a costa atlántica entre Cádiz e Gran Bretaña. Piteas estableceu a latitude da súa vila natal, Massilia (a actual Marsella, daquela colonia grega).
Aristarco de Samos (s. III a. C.) defendía a teoría heliocéntrica, que non foi aceptada até o século XV.
Eratóstenes (272 – 192 a. C.), astrónomo grego nado en África, defendeu cara ao 240 a. C., na súa obra Geographica, que a Terra é esférica, e calculou a súa circunferencia en 39.688 km (medindo a distancia entre Alexandría e Siena, e calculando os ángulos do Sol). Foi o primeiro en deseñar un planisferio cun sistema de coordenadas con paralelos e meridianos.
Hiporco (190 – 125 a. C.) propuxo a división da Terra en 8 meridianos e 8 paralelos, fixando a duración do ano solar en 365 días.
Tolomeo (100 – 170) retomou o sistema xeocéntrico. Deseñou un mapamundi con máis de 8.000 topónimos. Serviuse da latitude feita por Piteas e do traballo de Marinus de Tiro, un fenicio do século I, que trazara unha cuadrícula nas cartas de navegación. O mapamundi de Tolomeo incluía todo o mundo coñecido (Ecúmene) pola sociedade occidental da súa época.
Daquela xa se comezaran a facer mapas das vías (periplos), cos nomes de portos, ríos e montes. Eran usados polos comerciantes. Os militares romanos usáronos para planificaren as conquistas e organizaren os territorios ocupados.
Civilizacións chinesas
[editar | editar a fonte]Na antiga China, os códigos xeográficos datan do século V. Os mapas chineses máis antigos son do século IV, durante os Reinos Combatentes, pertencentes ao Estado de Qin. No libro Xin Yi Xiang Fa Yao, publicado en 1092 polo científico Su Song, hai unha carta astronómica cunha proxección cilíndrica similar á actual, seguramente inventada por separado da proxección de Mercator.[5][6] Ao parecer este método de cálculo existira na China antes desa publicación. A maior importancia das Cartas astronómicas de Su Song é a representan dos mapas impresos máis antigos existentes.
Cartografía india
[editar | editar a fonte]Os primeiros signos da cartografía india inclúen pinturas lendarias, mapas de localizacións descritas en epopeas hindús coma o Rāmāyana.[7] As tradicións cartográficas hindús tamén situaron a localización da Estrela Polar, así como outras constelacións.[8]
Idade Media
[editar | editar a fonte]Na Idade Media a concepción do mundo viuse afectada polo expresado na Biblia. Pero a cultura árabe recuperou a imaxe da Terra e os cálculos dos astrónomos gregos.
"Mapamundi" é o termo xeral usado para describir os mapas europeos do Mundo Medieval. Aproximadamente consérvanse uns 1.100 mapamundis da Idade Media, dos que 900 son ilustracións manuscritas e o resto documentos independientes.[9]
Nos territorios cristiáns a Terra era considerada un disco chan rodeada de auga. Nos mapas representábase unha descrición bíblica, non xeográfica. Os mapas eran moi artísticos, pero con moitos erros. A Terra era unha superficie circular, con Xerusalén no centro, cunha cruz simbólica no medio dun mar con forma de T. Eran os mapas «T en O».O Paraíso estaba cara a oriente. Estes mapas non estrañaban á cidadanía, que tiña unha experiencia espacial limitada. Directamente só coñecían a súa vila ou aldea e arredores, e o resto era coñecemento indirecto.
Pouco a pouco foise advertindo a necesidade de mapas máis precisos da zona que dominaba un señor feudal, pero estes mapas eran propiedade súa e non chegaban ao pobo.
O xeógrafo árabe Muhammad al-Idrisi elaborou en 1154 a Tabula Rogeriana, un atlas medieval que incluía a África coñecida, o océano Índico e o Extremo Oriente coñecido. Compilando a información dos comerciantes e exploradores árabes, e a herdanza dos xeógrafos clásicos, logrou crear o mapa máis exacto durante tres séculos.[10]
No século XIII as cidades de Barcelona, Palma ou València eran os focos comerciais do Mediterráneo. As súas expedicións chegaban até Marrocos e Exipto, mercede á invención do compás, que permitía a orientación en mar aberto. Os mapas mariños desa época (portolanos) eran unha colección de planos de portos encadernados en forma de atlas, representando un sistema de rumbo relacionado coa rosa dos ventos.
Así, a Cartografía era imprescindible para os mariños. Abraham Cresques, da escola mallorquina do século XIV, elaborou un dos compendios cartográficos máis importantes da época.
Na Era dos descubrimentos (s. XV - XVII) os cartógrafos europeos copiaron mapas antigos (algúns datados moitos séculos atrás) e debuxaron os seus propios mapas baseados nas observacións dos exploradores aínda que con novas técnicas. A invención do compás, o telescopio e a agrimensura conferiron maior exactitude aos documentos. En 1492 o cartógrafo de Nuremberg Martin Behaim deseñou o primeiro globo terráqueo.[11]
A finais do século XV desde Europa coñecíase aproximadamente a metade da terra emerxida. Facíanse grandes expedicións para atopar vías marítimas cara ás Indias, o paraíso das especias e riquezas.
Henrique o Navegante, rei de Portugal, iniciou as rotas rodeando África, comprobando que o océano Índico era un mar aberto e que África era independente de Asia.
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]Cristovo Colón propuxo a rota cara ao oeste, intuíndo a esfericidade da Terra, e morreu pensando que chegara a Asia, non que descubrira outro continente.
Martin Behaim (1459-1507) deseñou en 1492 o primeiro globo terráqueo.
Johannes Werner estudou e promoveu as proxeccións dos mapas.
En 1507 Martin Waldseemüller elaborou un globo do mundo e un gran mapa mural de 12 paneis (Universalis Cosmographia), sendo o primeiro mapa coa América coñecida. Chamou así ao continente porque o florentino Amerigo Vespucci (1454-1512) foi dos primeiros que concibiu o continente por separado de Asia.
A chegada dos occidentais a América e a súa cartografización supuxo unha revolución para o Renacentismo, ao mudar o concepto do espazo terrestre, pois en contra do dito na Biblia, as terras emerxidas non formaban un bloque conxunto.
O cartógrafo portugués Diego Ribero creou en 1527 o primeiro planisferio coñecido cun Ecuador terrestre graduado. O cartógrafo Bautista Agnese elaborou 71 (quizais máis) atlas manuscritos das cartas mariñas.
Nesa época o máis importante era representar fielmente a realidade. O século XVI foi a Idade de Ouro da cartografía. O flamengo Gerhard Kremer (1512-1594, máis coñecido coma Xerardo Mercator), foi o máximo expoñente. Debe o seu alcume a que proporcionou aos mercadores da época uns mapas moi fiables.
A súa obra estaba promovida por Carlos V do Imperio Xermánico e Filipe II de España (dado que Flandres daquela pertencía á coroa Española) para lograr novas vías de comercio. Nesa época os mapas eran segredos de estado, dada a súa importancia estratéxica xeo-militar.
Xa nesta época a difusión dos mapas viuse facilitada pola invención da imprenta.
Tamén deseñou un planisferio, baseado nos coñecementos dos astrónomos gregos, que supuxo un cambio na concepción occidental do globo. Aínda que foi moi útil, na actualidade está sumamente desfasado (por exemplo, a Antártida é inmensa). A idea da esfericidade da Terra, así como a teoría Heliocéntrica, fóronose difundindo, pero custou a súa implantación.
Os mapas fóronse completando con mapas sectoriais, que servían a políticos e militares para coñeceren as colonias (de aí o gran traballo de Francia e Inglaterra no século XVII).
No século XVIII o observatorio de París era o centro máis activo da cartografía. A familia Cassino foron os primeiros en confeccionar un mapa topográfico detallado de Francia.
Tamén nese século as expedicións científicas francesas chegadas ao Perú e aos polos confirmaron a teoría de Isaac Newton (1643-1727) de que a Terra era achatada nos polos, ao ver que un obxecto pesa máis no polo ca no Ecuador debido á maior gravidade.
As viaxes de James Cook demostraron que a maior parte das terras emerxidas están no hemisferio norte, ademais de facilitar o descubrimento da Antártida.
Debido ás dificultades físicas escarpadas inherentes na cartografía, fabricantes de mapas copiaron con frecuencia o material de traballos anteriores sen dar crédito ao cartógrafo orixinal. Así, un dos mapas antigos máis famosos de Norteamérica, coñecido popularmente coma o Mapa Castor, publicado en 1715 por Herman Moll, é unha reprodución exacta do traballo feito en 1698 por Nicolás de Fer, que á súa vez copiara as imaxes impresas en libros de Louis Hennepin (publicados en 1697) e François Du Creux (en 1664). Pero cara a 1700 os fabricantes de mapas comezaron a darlle crédito ao autor orixinal, imprimindo a frase "Segundo [o cartógrafo orixinal]".[12]
Cartografía galega
[editar | editar a fonte]En 1595 publícase o primeiro mapa impreso coñecido en que Galicia aparece representada de forma independente: trátase dun pequeno mapa do extremo noroccidental peninsular, co título Galitia / Galizia hisp.. Atribuído a Metellus, ten importantes erros, e debeu ser copiado da parte correspondente do mapa do conxunto peninsular publicado por Ortelio en 1570.
O primeiro mapa de Galicia debuxado expresamente e impreso foi o de Fernando de Ojea, a Descripcion del Reyno de Galizia en 1603, formando parte do primeiro Atlas moderno impreso, o Theatrum Orbis Terrarum de Abraham Ortelio. Foi moi copiado e deu lugar a unha ampla familia documental.
Vicente Tofiño iniciou a cartografía científica, baseada en levantamentos mediante triangulación, cos seus traballos sobre a costa de Galicia para o Atlas Marítimo de España (1789), cuns mapas dunha alta calidade.
En 1784, Tomás López publicou o seu Mapa Geographico del Reyno de Galicia. Representa toda Galicia e establece os límites das súas sete provincias, cunha escala próxima a 1:332000. Incrementa moito o número de lugares, vilas e comarcas, así como a rotulación de hidrónimos e hidrónimos e das vías de comunicación. Por primeira vez son representados correctamente os límites de Galicia con Asturias. Non tivo en conta as cartas náuticas de Tofiño, polo que presenta erros, cando menos no perfil costeiro.
O primeiro gran mapa de Galicia é a Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán, impresa en 1845. O autor adoptou os métodos e técnicas científicas da cartografía náutica e tras un minucioso levantamento cartográfico. Introduciu o sistema métrico e utilizou a escala 1:100000, coincidindo coa dos mapas oficiais doutros países europeos.
Cambios tecnolóxicos
[editar | editar a fonte]Na cartografía a tecnoloxía tivo un continuo progreso para resolver as demandas de novas xeracións de fabricantes e lectores de mapas. Os primeiros mapas foron elaborados manualmente con plumas sobre pergamiños, polo que variaban en calidade, e a súa distribución era moi limitada. Ademais, os mapas eran promovidos pola realeza para facilitar as conquistas militares e as rotas comerciais, polo que non sempre interesaba a súa difusión.
A introdución de dispositivos magnéticos, como o compás permitían a creación de mapas de diferentes escalas máis exactos e máis fáciles de amorear e manipular.
Os avances en dispositivos mecánicos coma a imprenta, o cuadrante ou o nonio foron utilizados para facilitar a produción masiva e con maior exactitude dos mapas. A tecnoloxía óptica, coma o telescopio ou o sextante, permitían examinar de forma máis exacta a Terra e aumentaron a capacidade dos creadores de mapas e navegantes para encontrar a latitude medindo ángulos ao mediodía ou coa Estrela Polar de noite.
Avances en tecnoloxía fotoquímica coma a litografía ou a fotografía, facilitaron a creación de mapas con moito detalles e máis resistentes á humidade e o desgaste. Isto eliminou a necesidade do gravado, que tempo atrás acurtara o tempo para reproducir os mapas.
Avances en tecnoloxía electrónica no século XX supuxeron outra revolución na cartografía, ao facilitar a difusión e ampliación na fabricación de mapas. Na actualidade a maioría dos mapas de calidade comercial realízase aplicando tres tipos principais de software: deseño asistido por computador (DAO), Sistema de Información Xeográfica (SIX) e software de ilustración especializada. A información espacial pódese almacenar na base de datos, de onde pode ser extraída en demanda.
Estas ferramentas conducen cada vez a mapas máis dinámicos e interactivos, que poden ser manipulados dixitalmente.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "A Tale of two obsessed archeologists, one ancient city, and nagging doubts about whether science can ever hope to reveal the past" Arquivado 30 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine., artigo de Robert Kunzig; Discover Magazine, maio de 1999 (en inglés).
- ↑ "A bird’s eye view - of a leopard’s spots. The Çatalhöyük ‘map’ and the development of cartographic representation in prehistory" Arquivado 18 de maio de 2013 en Wayback Machine., artigo de Stephanie Meece; Anatolian Studies, 56:1-16, 2006 (en inglés).
- ↑ "The Nippur Expedition" Arquivado 13 de xuño de 2011 en Wayback Machine., artigo en www.oi.chicago.edu (en inglés).
- ↑ "History of Cartography", (en inglés) artigo da Enciclopedia Encarta arquivado dende o orixinal o 2 de maio de 2006.
- ↑ Needham, Volume 3, 227.
- ↑ Needham, Volume 4, Parte 3, 569.
- ↑ Sircar 327
- ↑ Sircar, 330.
- ↑ Woodward, p. 286.
- ↑ S. P. Scott: History of the Moorish Empire (1904), pp. 461-2.
- ↑ Globes and Terrain Models - Geography and Maps: An Illustrated Guide, Biblioteca do Congreso (en inglés).
- ↑ "Detecting the Truth: Fakes, Forgeries and Trickery" Arquivado 01 de outubro de 2007 en Wayback Machine., Exposición virtual da Bibliotace e dos Arquivos do Canadá (en inglés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cepeda Fandiño, Antonio (2016). O mundo nas mans. Cartografía escolar dos séculos XIX e XX (PDF). MUPEGA-Xunta. ISBN 978-84-453-5210-6.
- Méndez Martínez, Gonzalo (1994). Cartografía antigua de Galicia. Pontevedra. Deputación de Pontevedra (en castelán). ISBN 84-88363-17-6.